Desde a súa constitución, en Bidueiro desenvolvemos un labor altruísta e de implicación social, tendo como fins sociais a conservación, divulgación, fomento e goce da cultura, patrimonio e medio ambiente, así como contribuír ás relacións sociais e xeracionais.
Somos unha asociación nova que nos últimos tempos demos importantes pasos para a consecución dos nosos obxectivos, integrando entre os nosos socios e colaboradores a persoas que co seu traballo, constancia e unha gran dose de ilusión, están a conseguir o que todos esperabamos, ampliar as relacións sociais e de amizade, conseguindo o obxectivo común de colaboración, implicación e gozar a través dos fins da Asociación e das súas actividades.
Aos poucos fomos incrementando o número de socios e de amigos, persoas que estaban buscado un espazo como o que ofrece Bidueiro.
Con frecuencia realizamos rutas de sendeirismo, camiñadas para gozar coñecendo e divulgando o noso patrimonio e contorna natural, á vez que aproveitamos para facer exercicio físico moderado.
As nosas rutas de sendeirismo son dunha dificultade media ou media-baixa, buscando sempre a máxima participación nas mesmas, dentro dos límites de protección, conservación e de seguridade que nos marcan as zonas para percorrer. Ocasionalmente realizamos algunha ruta de dificultade media-alta, loxicamente informado previamente da devandita circunstancia, pero este tipo de rutas son case anecdóticas.
En Biduero gústanos que nas actividades que organizamos haxa unha participación de socios de todas as idades, gústanos que veñades en familia, en parella, de forma individual ou como máis vos guste porque todos seremos Bidueiros.
Realizamos xornadas de coñecemento, conservación e divulgación do medio ambiente, con medios propios ou en colaboración con outras asociacións e entidades conservacionistas.
Gústanos coñecer, participar e contribuír na conservación e divulgación da cultura; musical, gastronómica, etnográfica, etc. e por iso organizamos ou participamos en xornadas relacionadas con todos estes ámbitos.
Se chegaches ata este punto e segues sen ter moi claro que facemos ou como somos, pero gústanche os fins de Biduero, aconsellámote que te poñas en contacto connosco sen ningún compromiso, informarémoste máis detidamente.
Asociación Cultural Bidueiro