Sempre hai flores para aqueles que queren velas ** Roteiros culturais con Bidueiro ** Participa ** Imos coñecer para protexer ** Sendeirismo ambiental con Bidueiro ** Imos gozar ** Implícate ** Terás novos amigos ** Buscabas un sitio así e acábalo de atopar ** Benvid@ a Bidueiro **

venres, 5 de maio de 2023

Ruta polas Fragas do Eume, Redes, Pontedeume, a fervenza do Belelle, Goente, As Pontes de García Rodríguez e Betanzos.

 

Unha fin de semana fabulosa.

          A Asociación cultural de sendeirismo Bidueiro organizou a pasada fin de semana (sábado 29 de abril, domingo 30 de abril e luns 1 de maio) unha ruta polas Fragas do Eume, Redes, Pontedeume, a fervenza do Belelle, Goente, As Pontes de García Rodríguez e Betanzos.

          Pese a que prognosticaban mal tempo, sobre todo para o sábado, xa que auguraban choiva todo o día, afortunadamente desfrutamos dun tempo espléndido os tres días.

          O sábado pola mañá gozamos do bosque e do río, pois fixemos a ruta circular da Ventureira nas Fragas do Eume. Vimos as tres centrais eléctricas que hai nela (a da Ventureira, a central do Eume e a central do Parrote). Comezámola desde As Neves (no Concello da Capela) por unha das marxes do río e volvemos ó mesmo sitio pola outra; despois de ver o mosteiro de Caaveiro, a ponte e o muíño do río Sesín e de xantar na Taberna de Caaveiro. Pola tarde tocoulle a quenda á praia posto que fixemos a ruta da costa, desde a Praia da Magdalena, en Cabanas, ata Redes, onde nos recolleu o autobús. Na Praia de Río Castro parámonos a ver as ruínas do muíño de mareas que alí hai. Logo fomos a Ponteume onde vimos o teixo centenario que hai no seu paseo marítimo e demos un paseo polas rúas desta antiga vila dos  Andrade antes de cear no Restaurante Luís.  Durmimos no Hotel La Terraza, en Miño.

          Ó día seguinte, despois de almorzar no hotel, fomos a Neda a ver a fervenza do Belelle e logo fomos ó Pantano do Eume. Xantamos en Goente, en Casa Díaz, e á tarde estivemos na Casa do Mel, que se atopa ó lado. Tivemos a sorte de contar coas explicacións de Isabel, que nos falou do impresionante mundo da apicultura e das abellas. Todo o mundo aprendeu moito con ela. Despois fomos a As Pontes de García Rodríguez. Primeiro vimos o lago artificial e logo fixemos parte da Ruta da Ribeira, ata onde se fai a Festa da Fraga. Ceamos en Miño, cadaquén como puido, xa que malia haber reservado a cea para esa noite no Restaurante A Carboeira, misteriosamente, a dona do restaurante non tiña coñecemento de ningunha reserva. Volvemos a durmir no mesmo hotel da noite anterior, no Hotel La Terraza. O hotel, en xeral, é xenial: as habitacións, o comedor, o servizo, o trato de todo o persoal. Todo foi excelente.

          Á mañá seguinte, despois de almorzar, fomos a Betanzos. Paseamos polas súas rúas, vendo os seus principais edificios; fomos ó Parque do Pasatempo (á parte que se pode visitar, porque está en reformas); estivemos na gran feira que hai sempre o primeiro de maio e logo fomos xantar a Bergondo, ó Restaurante As Mariñas. Despois dunha copiosa comida fomos ós xardíns do Pazo de Mariñán, algo que non estaba programado, pero que nos serviu para estirar un pouco as pernas e facer algo a dixestión antes de subir de novo ó autobús que nos achegaría a Vigo ás 19:00 horas.











































Proximamente máis fotos feitas polos nosos compañeiros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentarios: