Sempre hai flores para aqueles que queren velas ** Roteiros culturais con Bidueiro ** Participa ** Imos coñecer para protexer ** Sendeirismo ambiental con Bidueiro ** Imos gozar ** Implícate ** Terás novos amigos ** Buscabas un sitio así e acábalo de atopar ** Benvid@ a Bidueiro **

domingo, 16 de xuño de 2019

"A tarde. O desacougo"



A Libraría Cartabón comprácese en convidarvos á presentación do libro de Amauta Castro "A tarde. O desacougo", XXXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, editado por Espiral Maior.
Xunto co autor estará Marcus Daniel Cabada


Presentación:
Venres, 21 de xuño 
20:00 horas
Libraría Cartabón
Rúa Urzaiz 125 - Vigo


-------------
Entrevista

Amauta Castro, poeta: "A Poesía é unha comunicación persoal que cambia mentalidades"

Rafael Xoán Muñoz Castro, que usa o heterónimo literario Amauta Castro, nado en Barakaldo en 1981, é un poeta e tradutor galego residente en Xirona. Acaba de gañar o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Nesta entrevista fala da importancia da poesía, do verso nestes tempos de globalización.

Amauta Castro está de volta por Galiza  fugazmente co gallo de asistir á entrega do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Nas rúas de Compostela dou con el e o seu camiñar tranquilo e o seu ollar atento. De maneira súpeta regresa á terra desde a súa Salt (Paises Cataláns) de residencia onde afonda as súas raíces desde fai anos e aínda máis desde o nacemento do seu fillo. O galardón chega por mor da súa obra "A tarde. O desacougo." Que como é tradición, e recollen as bases do concurso, sairá publicada o vindeiro ano na editorial Espiral Maior.
Amauta Castro na tumba de Yilmaz Guney, prisioneiro politico kurdo | Fonte: remitida
Antes de nada muitos parabéns polo premio, o máis prestixioso da poesía inédita galega. Como senta recibir un dos clásicos da nosa lteratura desde a distancia da diáspora?
Alen dos tópicos, foi unha sorpresa que recibín cando pensei que xa fora fallado. Recibín a chamada do certame transmitíndome que a obra obtivera o premio coa votación unánime do xurado. Cousa que valoro muito. Para min é importante que se premie a alguén do exterior, e malia a residir na Cataluña, mantén o uso do noso idioma como lingua literaria

Adentrámonos no libro. A tarde. O desacougo. Que podes adiantar da obra?
Trátase dunha obra con catro partes mui autónomas pero que ao tempo mantén unha unidade estética mui clara. Os temas que desenvolvo en cada unha das catro series de poemas son (por esta orde) o amor de parella ao comezo da etapa de madurez, unha reflexión sobre a poesía e o modelo de escrita que defendo, o desamor e a rutura familiar, e o tempo coma destrución. É un poemario que ao mesmo tempo sinala e alerta sobre a nosa finitude. Existimos e non podemos saír indemnes.

Cal é a túa visión da poesía? Na segunda parte do libro penetras neste tema
Durante os últimos anos estiven a reflexionar sobre o meu modelo de escrita e sobre o texto poético. Na segunda parte do poemario, "Invocación da linguaxe", tento expor o modesto resultado das miñas pescudas. O resultado non é outro que a pregunta infinda sobre a palabra escrita e o desexo (inacadado ou irrealizable) de atopar unha forma creba que permita que a capacidade (linguaxe) flúa no poema sen cancelas.

Como levas, coa túa vontade de anonimato facer poemas e mesmo acabar sendo premiado e ter que dar a cara en público?
Penso que o realmente importante é que o poema poida ser asumido (en parte ou na súa totalidade) polo intérprete. É dicir, acollido polo lector/a dentro das súas referencias vitais. Se algún poema ou verso meu acada iso, sería fantástico. A autoría pasa a un segundo plano ou mesmo debe desaparecer para deixar paso á verdadeira vitoria que é ser incorporado á experiencia persoal de quen le. É por iso que eu enuncio nun outro poema meu: "Eu son senón ninguén que quer / ser nube de tarde / man e mar que signifiquen viaxe / muro para conter as sombras".

Os temas que tratas no libro son moi íntimos. Universais. Pero sempre asoma a vida do autor en certa maneira...
Tratar universais (como ti ben dis) conleva esa responsabilidade que está entre o persoal e o colectivo. Rimbaud dicía pretender cambiar o ser humano a través do poema. Desde a cultura e desde a intelixencia creadora influímos sobre o humano. Velaí a forza do poema, esa comunicación persoal que cambia mentalidades e que vai máis alá da experiencia literaria. A miña achega ten algo de persoal e autobiográfica pero é decidida/perfilada polos ollos de quen le.

É, como se sintetizou nalgunha publicación, un libro de amor?
Só desde o amor ou desde a ausencia do mesmo se pode entender "A tarde. O desacougo". Só desde a experiencia sentimental ante o amor erótico, o amor pola palabra, ou as consecuencias infindas de amar.

E para finalizar, para cando poderemos atopar a obra nas librarías?
É costume que os poemarios vencedores do Certame Pérez Parallé estean ao dispor dos lectores darredor do Día das Letras.

Fonte: Galicia Confidencial
Entrevista realizada por André Chamadoira

sábado, 15 de xuño de 2019

II Xornadas Gastronomicas en Bidueiro

II Xornadas Gastronómicas
Xullo 2019
Estas Xornadas celebrarémolas no concello de Tomiño
Desprazamentos en vehículos particulares dende Vigo
Saída o sábado 6 as 15:30 h. 
Inscricións na secretaría desde o xoves 27 de xuño ata o xoves 4 de xullo, chamando ao Tel. 686-986-784 en horario de 19:30 a 21:30 horas.
Os pratos que forman parte dos menús elaboraránse nas propias instalación onde imos a degustalos e polos participanates coordinados pola organización. 
Esta é unha actividade na que agardamos que os participantes colaboren na elaboración dos diferentes pratos a degustar.
Tanto o sábado pola tarde como o domingo pola mañá teremos visitas guiadas a empresas especializadas na produción de conservas vexetais, cervexas, dulces, tanto na versión convencional e de moita calidade como do xeito artesanal e ecolóxico.
  • Sábado 6 tarde/noite 
  • Visita didáctica a histórica industria alimentaria de elaboración de conservas vexetais.
  • Elaboración e posterior cea:
  • Sardiñas galegas asadas ao xeito tradicional
  • Pementos de Arnoia asados
  • Cachelos galegos
  • Pan de millo 
  • Ensaladas variadas
  • Cervexas, claras e auga
  • Macedonia de froitas
  • Sidra
  • Cafés 
Pernoctaremos no albergue situado nas mesmas intalacións onde imos a celebrar estas Xornadas. Todos os que desexeques quedar a durmir, soamente teredes que levar un saco de durmir.
  • Domingo 7 
  • Elaboración e posterior almorzo
  • Café, cacao, leite, manteiga, marmelada, tostadas ...
  • Visita didáctica ás leiras e centro de elaboración artesanal e ecolóxica de produtos elaborados con mirabeis.
  • Cata de produtos artesanais.
  • Elaboración e posterior xantar 
  • O mellor do mar: 
  • Mexillóns en vinagreta e ao vapor
  • Langostinos cocidos
  • Centola
  • Boi 
  • Salpicón de marisco
  • Torta da aboa 
  • Cervexas, claras e auga
  • Sidra
  • Cafés
*Quen desexe beber viño ten que levalo pola súa propia conta, non está incluido no menú.
O prezo da actividade para participar inclue: Gastos actividade e xestión, seguros R.C. e Accidentes, cea do sábado, almorzo do domingo, xantar do domingo e pernocta no albergue.
As visitas didácticas a realizar aos diferentes fabricantes de productos de alimentación non terán ningún coste para os participantes, sendo a cargo da Asociación a xestión das mesmas, agradecerlles a ditas empresas a súa colaboración altruista nestas II Xornadas Gastronómicas e da Alimentación.