A Asociación Cultural Bidueiro está adherida ao movemento "Por un monte galego con futuro", no que xunto cunha veintena de entidades queremos reclamar outro modelo de xestión para os nosos montes según figura no monifesto que podedes ler más abaixo. Por devandito motivo queremos convidarvos a participar na manifestación que terá lugar o domingo 20 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda de Santiago de Compostela.
Acude á marcha para reivindicar:
- Un medio rural vivo
- A xestión sustentábel e multifuncional do monte
- O peche do ciclo produtivo forestal
- O monte veciñal en man común
- O freo do monocultivo de eucalipto e doutras especies exóticas invasoras
- Un monte resiliente á emerxencia climática
Manifesto:
--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO
8 de xullo de 2019
No actual contexto de mudanza climática o papel dos ecosistemas forestais vai resultar chave para mitigar os
efectos do quecemento global, mais, non só como reservorios de carbono, tamén como fornecedores de
servizos ecosistémicos, como o mantemento da biodiversidade, a regulación do ciclo da auga, a fertilidade do
solo, a capacidade de purificación da auga e do ar, a loita contra a erosión, etc.
Porén, no recente borrador da Estratexia Galega contra o Cambio Climático só interesa fixar máis carbono en
máis madeira o máis rápido posíbel, o que potenciará o cultivo do eucalipto e doutras especies de crecemento
rápido. A repoboación con estas especies tamén se ve favorecida polo Decreto 163/2014 do Estado español
para a compensación e absorción de dióxido de carbono.
Por outra banda, o recente informe do IPBES (Panel Internacional para a Diversidade Biolóxica, UNESCO) cifra
en 290 millóns de hectáreas a superficie de bosques naturais perdidos no planeta entre 1990 e 2015, e en 110
millóns de ha o aumento das plantacións forestais no mesmo período. Mais, unha plantación forestal non
pode ser considerada un bosque, e menos se se trata de especies invasoras e de crecemento rápido que, como
os eucaliptos, empobrecen o solo e diminúen a biodiversidade. Nin sequera contribúen a fixar carbono neto ao
favorecer as cortas en ciclos curtos para queimar en plantas industriais de biomasa.
Tampouco debemos esquecer que o uso principal do eucalipto cortado no país é o da súa transformación en
pasta de papel na fábrica de Lourizán (Pontevedra), un proceso industrial que provoca que todo o CO2
previamente absorbido polas árbores sexa devolto incrementado á atmosfera, dando como resultado un
efecto potenciador do proceso da mudanza climática.
Malia a todo, o Plano Forestal que se está a tramitar pola Xunta promove a ocupación de 35.000 ha máis de
eucalipto sobre un exceso de 300.000 Ha con respecto á planificación anterior.
Consideramos que as Administracións galega e estatal deben apostar por unha planificación para o monte
galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade e dos efectos do cambio
climático, pero que non debe utilizar este como escusa para seguir potenciando as repoboacións con
eucaliptos e outras especies invasoras.
Na posta en valor do monte, de xeito multifuncional e sustentábel, ten incidencia a estrutura da súa
titularidade. Recomendacións da FAO e da mesma Unión Europea indican que hai que camiñar cara a unha
tenencia máis xusta destas terras e cara á devolución destas ás colectividades locais. En Galiza existe unha
titularidade que xa cumpre estes preceptos, que son os montes veciñais en man común. Mais, o que fai o
Partido Popular con este tipo de titularidade do monte é proceder á súa privatización.
Neste senso, pedimos a anulación da actual proposta de revisión do Plan Forestal de Galiza e a elaboración
dun novo documento que parta de información actualizada sobre a situación do monte galego, dunha
participación equilibrada de todos os axentes sociais, e que siga como principios reitores a diversidade de
hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos
servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade
económica e social.
A continuación, as entidades asinantes deste documento concretamos algunhas das medidas máis necesarias
de cara á planificación do futuro do monte galego:
Sobre masas forestais de eucaliptos e outras especies exóticas invasoras
- Moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus e prohibición na RGEP (Rede Galega de
Espazos Protexidos).
- Prohibición das novas plantacións de Eucalyptus nitens e de repoboacións con robinias, acacias,
Pawlonia e bambús, e outras especies invasoras. Erradicación destas na RGEP.
- Programa de Redución Progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticas
invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús,
crocosmias, etc
- Programa de eliminación das plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos.
- Modificación do “Decreto 163/2014 para a compensación e absorción de dióxido de carbono a través
de masas forestais” para: excluír as masas de eucalipto e doutras especies exótica invasoras como
sumidoiros de carbono; evitar as repoboacións forestais sobre terreos queimados; limitar as quendas
de corta a un mínimo de 30 anos e introducir variantes de carácter social e ambiental na valoración
dos proxectos.
Sobre aproveitamentosforestais e peche do ciclo produtivo
- Promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galiza.
- Recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais.
- Investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte.
- Apoio á investigación para unha industria forestal integral e sustentable.
- Fomento do aproveitamento da biomasa forestal só residual.
- Fomento da silvicultura con madeiras de calidade.
- Prohibición dos cultivos enerxéticos.
Sobre biodiversidade
- Realización urxente do Inventario de masas de frondosas autóctonas, pendente desde 1992, e
incentivos para a súa conservación e ampliación.
- Establecer unha reserva ecolóxica do 30% para bosque nativo en plantacións forestais.
- Agardar á publicación do V Inventario Forestal (IFN5) -a piques de ser publicado- para a elaboración
dunha nova revisión do Plan Forestal.
- Creación de bancos de xermoplasma ou de sementes das diferentes especies autóctonas, procurando,
no posible, unha boa representatividade das especies e da súa variabilidade xenética en cada zona.
- Axudas directas e exencións fiscais para o mantemento dos bosques autóctonos, mesmo con fins non
produtivas, a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes.
- Programa de divulgación e educación sobre especies autóctonas e do seu valor ecosistémico,
económico e social.
- O cumprimento estrito por parte da Administración pública das funcións de custodia, vixilancia e
policía que lle outorga a normativa vixente.
Sobre lumes forestais
- Creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que favoreza a multifuncionalidade do monte e,
por tanto, a súa prevención fronte os incendios forestais.
- Promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de
incendios.
- Recuperación dos 100 m de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa na loita contra
os lumes, favorecendo alternativas multifuncionais para estas franxas de seguridade.
- A xestión da biomasa nas franxas secundarias e terciarias farase con recursos públicos, agás nos casos
nos que os/as titulares das vivendas construísen estes inmobles fóra do ordenamento xurídico.
- Ruptura das masas monoespecíficas con faixas de separación de 100 m por cada 50 ha de eucaliptos,
e de 50 m por cada 50 ha de piñeiros.
- Incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de
comunicación, etc.
- Perímetro de exclusión de 25 m das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos, e nos
seguintes 25 metros un marco mínimo de plantación de 6x6 arredor destes elementos.
- Os Plans de prevención de incendios deben elaborarse a nivel de Distrito, facendo os Concellos as
adaptaciónsterritoriais necesarias.
- O PLADIGA será de carácter anual e aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación.
Deberá establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais.
- Creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción
de incendios.
Sobre a titularidade, xestión e ordenación do monte
- Nova lei de montes veciñais en man común que reforce o carácter xermánico da titularidade veciñal.
- Devolución da xestión dos montes veciñais consorciados e/ou conveniados á veciñanza comuneira
sen carga económica. De existir esta carga, sería achacábel á Administración forestal dado que foi ela
a que xestionou estes montes.
- Potenciar a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras, como ferramenta de
acceso á terra para o desenvolvemento de actividades agrarias, principalmente por persoas labregas.
No caso dos terreos de MVMC, o alugueiro non poderá ter duración nen uso que comprometan a
titularidade e recuperación dos mesmos pola veciñanza comuneira.
- Incremento da xestión pública dos montes con fins conservacionistas. Nos MVMC este incremento
levarase adiante baixo convenios con comunidades de montes e fórmulas de coxestión.
- Exención, debido ás características do territorio forestal galego, da obriga de contar cun instrumento
de ordenación de montes para as parcelas particulares de superficie igual ou inferior a 1 Ha;
eliminando, por tanto, a adhesión a modelos silvícolas. En todo caso, estas parcelas deberán
adaptarse ás directrices marcadas nos PORF (Plans de Ordenamento dos Recursos Forestais).
- Retirada das comunidades de montes como suxeito pasivo no Imposto sobre Sociedades e
elaboración, desde Galiza, dunha fiscalidade axustada á figura e ás funcións dos montes veciñais.
- Pulo a fórmulas que favorezan unha xestión colectiva do monte máis democrática e social.
Asinan:
• Amarelante S. Coop. Galega
• Amigos da Terra
• Asociación Ambiental Petón do
Lobo
• Asociación Amigos e Amigas
dos Bosques "O Ouriol do
Anllóns"
• Asociación Cultural Bidueiro
• Asociación Galega Cova Crea
• Asociación Galega de Apicultura
(AGA)
• Asociación Frouma
• Asociación Montes da Galiza -
Montegal
• Asociación Pola Defensa da Ría
(APDR)
• Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
• A Rente de Chan-Pladever
• Colectivo Agrocuir da Ulloa
• Confederación Intersindical
Galega (CIG)
• Comando Ghichas do Valmiñor
• Federación Rural Galega
(FRUGA)
• Kunterbunt Design
• Organización Galega de
Comunidades de Montes
(ORGACCMM)
• Salvemos as Fragas de Catasós
• Sindicato Labrego Galego (SLG)
• Verdegaia
-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------