VI Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo.
Co obxectivo de fomentar as iniciativas de protección do territorio, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mari- ñas–Betanzos, xunto coa Fundación Fragas do Mandeo, organiza a VI Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na que se desenvolverán conferencias e accións de voluntariado ambiental. Esta sexta edición ten como eixo a necesidade de conservar o noso litoral mediante a custodia e o apadriñamento. Pero para conservar é preciso coñecer. Expertos procedentes de distintos ámbitos e organismos explicarannos as singularidades da flora que medra nas dunas das nosas praias e a importancia ecolóxica das praderías mariñas da nosa ría. Salientarán o impacto que ten nelas a presión humana directa, para rematar describíndonos o grave problema que causan nos seres mariños os plásticos que traen as correntes oceánicas ou son vertidos irresponsablemente na nosa costa. Fragas do Mandeo é unha entidade de custodia do territorio non gobernamental e non lucrativa. Ten creado o fondo de conservación da natureza da comarca de As Mariñas, que lle permite adquirir fincas de interese ambiental para a protección a perpetuidade dos hábitats naturais. Deste xeito, coida da paisaxe e dos bosques, asegurando un futuro para as especies de animais e plantas que conforman a biodiversidade destes ecosistemas. A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas– Betanzos é unha organización sen ánimo de lucro constituída no ano 2008 coa finalidade de agrupar ás entidades interesadas en promover o desenvolvemento rural no territorio das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Xestiona actualmente o Programa LEADER 2014-2020 e acadou no ano 2013 a declaración de reserva da biosfera para a comarca.
![]() |
É tamén podedes participar na IV Eco-regata Ría de Betanzos. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentarios: