![]() |
O Sisón, ave do ano para SEO-Birdlife. |
O sisón, case extinguido en Galicia, Ave do Ano 2017
Ligado ao
mundo agrario dos grandes pasteiros, só quedan algúns exemplares na Terra Chá e
na Limia
O Sisón é un pequeno xigante. Esta variedade de avetarda pode pesar case un kilo, cunha envergadura case dun metro. Habitual dos grandes campos de cultivo, en Galicia está case desaparecida, tras séculos de forte presenza, cando era habitual no eido rural en toda Europa central e occidental. Na actualidade, aquí só poden atoparse algunhas parellas reprodutoras nas bisbarras da Limia e da Terra Chá.
Pero o
Sisón, tamén coñecido como Suseiro (aínda que non hai referencias deste
animal no Diccionario da Real Academia Galega) vén de converterse en
protagonista. Porque a organización Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO)
o nomeu Ave do Ano 2017. Ao longo de 12 meses desenvolverán unha campaña de
concienciación para salvar unha especie que vive en perigo de desaparición.
SEO-Birdlife escolleu ao sisón común como ave do
ano, nun intento de concienciar sobre o delicado estado de conservación da
especie. Posuidor dun son particular (un característico ‘Trrrrr‘ que lle
dá o seu nome), a súa poboación diminuíu polos avances tecnolóxicos agrícolas e
outras accións humanas.
“Habitual
nos campos dos nosos avós, a súa presenza viuse reducida e poida que os nosos
fillos nunca cheguen a velo”, explicou Asunción Ruíz, directora
executiva da SEO. Antigamente estendida desde o oeste de Europa e o noroeste de
África, en Europa tan só quedan aves no sector occidental (España,
Portugal, Francia e Sardeña) e no extremo leste (a partir do sur de Rusia).
O sisón é
unha pequena avutarda de entre 700 e 900 gramos de peso, cunha plumaxe
parda pouco rechamante para camuflarse nos campos de cereal e pasteiros secos
que conforman o seu hábitat. Os machos mudan a plumaxe na primavera, adquirindo
unha combinación branca e negra visible a gran distancia.
En España, o
Sisón está catalogada como “Vulnerable” e
atópase na Lista Vermella das Aves de Europa. En Galicia, xa só se poden atopar
algúns exemplares nas comarcas da Limia e da Terra Chá.
A evolución
negativa das poboacións pódese basear na destrución ou transformación
dos seus hábitats -campos de cereal e pasteiros- por prácticas agrícolas
intensivas ou abandono. Á intensificación agraria súmanse puntualmente causas
de mortalidade non natural: maquinaria agrícola, valados e tendidos eléctricos,
caza ilegal, atropelos, repoboacións forestais, estradas e urbanizacións.
Recuperado de: http://www.gciencia.com