![]() |
Os
voitres paran en zonas altas onde hai cabalos ou vacas en liberdade. Fotos:
Oscar Martínez.
|
*Publicación: Manuel Rey http://www.gciencia.com
Nos últimos 15 anos, medran en Galicia os avistamentos de grandes bandadas de preeiros.
Galicia nunca
foi unha terra moi abondosa en voitres. E os que chegaban
aquí, adoitaban vir de fóra. Non en tanto, os últimos dous decenios amosan unha
tendencia crecente na presenza destes preeiros en varias zonas do país.
Este crecemento
foi especialmente significativo na serra do Suído,
entre as provincias de Pontevedra e Ourense. No último lustro, bandadas de
ducias de voitres visitan esta zona, sobre todo nos meses de verán.
Unha das persoas que os adoita acompañar é Óscar Martínez,
fotógrafo aficionado e socio da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), que documentou a
afluencia das aves ao Suído nos últimos anos no seu blog “Aves no sur da
Dorsal galega”. “Atópanse en zonas de pedras ou toxos, e en lugares
escarpados, e ás veces paran a descansar xunto á prea”, sinala Óscar.
A presenza do voitre foi “moi rara” durante a segunda metade do século XX en Galicia
Incluso se
valorou a posibilidade de crear un comedeiro artificial, a onde se levarían os cadáveres do
gando para que os preeiros dispuxeran de máis alimento. Sería o primeiro de
Galicia. A idea partiu do naturalista Federico de la
Peña co fin de “que estean máis tempo nestas zonas e se
espallen a outros lugares” de Galicia, e incluso chegasen a reproducirse no
país. Aínda que a proposta foi acollida positivamente por algúns cazadores e
veciños da zona, a negativa dos propietarios das terras onde estaba previsto
situar o comedeiro impediu que se materializase a idea.
Desde 2011, os
datos do Noticiario
Ornitoxeográfico Galego, un catálogo de referencia para os
avistamentos de aves xestionado pola SGO, refrendan o que se adoita
comentar entre os cazadores, gandeiros e demais veciños desta comarca:
cada vez hai máis voitres. Despois de Mondoñedo, unha especie de
‘santuario’ que acumula máis do 20 por cento dos rexistros de toda Galicia, os
seguintes concellos con máis avistamentos son O Covelo, A Lama, Fornelos de
Montes e Avión, todos pertencentes ao territorio do Suído.
![]() |
En Galicia medran os avistamentos de voitres negros (Aegypius Monachus), coma o da imaxe. Foto: Óscar Martínez. |
Algúns
expertos, como Juan Carlos Epifanio, levan moito tempo investigando a
relación desta ave con Galicia. Nun dos seus traballos de referencia sobre o tema, sinala que a
presenza do voitre común (Gyps fulvus),
tamén chamado leonado, “foi considerada como moi rara na
segunda metade do século XX” en Galicia. Aínda así, segundo apunta Sergio
París, secretario da SGO, “hai referencias sobre unha voitreira situada no
concello de Alfoz nos anos 50”. Foi nos anos 90 cando se
comezou a percibir o incremento de citas e referencias sobre o
voitre común no noso territorio.
Os rexistros do
catálogo da SGO mencionan un total de 317 avistamentos de
voitre leonado no país desde 2001. Nalgúns casos, algúns moi recentes, como o
rexistrado en Ourol (Lugo), en maio deste ano, avistáronse máis de 130
exemplares nunha mesma bandada. Sergio París cre que as causas de este
incremento son diversas. “Houbo un crecemento de poboación na península Ibérica
que tamén se deixou sentir en Galicia”, sinala. Dito aumento foi moi notable,
xa que das menos de 3.000 parellas do ano 1979 pasouse a máis de 22.000 no
2009, segundo destaca o propio Epifanio no traballo mencionado anteriormente. O
responsable da SGO tamén apunta á crise das vacas tolas, que obrigou a pechar
numerosos comedeiros noutras zonas da península, polo que as aves “tiñan que
viaxar a outros lugares na busca de alimento”.
Engade París
que “o 95 por cento dos voitres avistados en Galicia son
leonados”, aínda que non son menos importantes as outras dúas especies que
tamén se achegan ao país. “Acompañando aos bandos de leonados, cada vez vense
máis voitres negros” (Aegypius
monachus), afirma. Os avistamentos desta especie (88 nos últimos
quince anos) adoitan ser moito menos numerosos que os dos voitre común, pero
hai motivos de sobra para o optimismo. “Hai anos era impensable que se puideran
avistar con esta frecuencia; era un especie moi ameazada” e chegou a estar en
perigo de extinción en varias zonas da península.
Non menos
importante é o alimoche ou voitre branco (Neophron
percnopterus). Tamén estivo en serio perigo, pero a súa presenza
en Galicia mantívose, sobre todo en Ourense, na serra da Enciña da Lastra e no
Macizo Central, e amosa signos continuos de recuperación.
![]() |
O alimoche ou voitre blanco estivo en perigo pero mantívose sempre na serra da Enciña da Lastra. |
A pesar deste
optimismo, aínda non se aprecian evidencias de que os asentamentos sexan
estables. As bandadas “son de aves xuvenís, que se dispersan en busca de
alimento fóra da época de reprodución”, explica Sergio París, polo que
probablemente se despracen temporalmente desde o centro e o
sur da península, xa que “diariamente poden percorrer ata 100 quilómetros cando
queren alimentarse”. Así, os avistamentos adoitan producirse entre os meses de
marzo e outubro.
Aínda así, non
todo son boas novas. En Galicia, os voitres atópanse cun inimigo ás veces
letal: o muíño eólico. Desde a SGO calculan que “non menos de 80
voitres morren todos os anos por impactos das aspas”. É, con
diferencia, a especie máis afectada por estes aparatos. As zonas polas que se
moven estas aves adoitan coincidir coas de maior presenza de parque eólicos. Sinala
Sergio París que “son zonas altas, con cabalos, vacas e outros animais salvaxes
que lles poden servir de alimento” pero que, ao mesmo tempo, presentan un grave
perigo, polo que sería conveniente, di, avaliar de xeito máis estricto o
impacto ambiental destes parques.
Con todo,
parece que a presenza desta ave, moitas veces deostada pola mitoloxía,
non entraña ningún perigo para os ecosistemas galegos. Quen sabe se, nun
futuro, pode pasar a formar parte da fauna autóctona.